Da Neo-vangarda e da abstracción na obra de Sabela Arias por Xavier Rguez Barrio
Crítica para o catálogo da exposición do Museo Municipal de Ourense no ano 1991.
As obras que se expoñen estes días en Ourense, corresponden a unha nova etapa na expresión plástica –sobre todo na pintura- de Sabela Arias. Vemos, desta volta, á artista tratando con éxito de fixarse así mesma unhas claras directrices estéticas, unha nova actitude ante o feito pictórico, unha actitude, certamente, máis grave e máis trascendente, se a comparamos –por poñer un exemplo- coa súa exposición anterior en Lugo.
O que chama a atención destes cadros son fundamentalmente dúas cualidades. Por unha banda o debuxo axeométrico pero racional, aparentemente escuro pero sempre cunha clara mensaxe ultravisual, cargada de alusións orgánicas moi concretas, prantexamentos nos que admiramos enigmas de fondo rodeados desa “rara beleza” que predomina en todas as pezas que conforman esta exposición. Por outra banda, e como segunda cualidade, hai que comentar a forza do color na obra de Sabela Arias, a mistura dos tonos fortes, curvos ou rectos, nunca limitados, nos que destacan con especial impacto e recreación os roxos-sangue; toda unha trama marabillosa nestes ritmos coloreados que fan nacer nas formas esa abstracción primitivista que nos recorda algo de Delaunay, de Kupka ou mesmo do primeiro Kandinsky.
Son provocadoramente extraños estes cadros de Sabela arias. Cadros, e mesmo esculturas, entre o neo-vanguardismo e o abstracto, e de eles cautiva, sobremaneira, o carácter intuitivo, lírico e primitivo de esa abstracción.


